martes, 12 de julio de 2011

E AGORA, A CULTURA. QUE XENTE!!

Asistimos estupefactos estes días á primeira medida “estrela” que toma o novo goberno municipal de Burela: a anulación do IV Seminario de Jazz e Música Moderna de Burela. E todo isto, sen dar explicación algunha e sen dar a cara, posto que non se atreven a comunicalo publicamente nin a explicarlle aos pais e nais do alumnado si se lles vai devolver, e cando, o diñeiro que pagaron en concepto de matrícula. Por certo, que os prezos de matrícula estaban aprobados en Xunta de Goberno. Tampouco se atreveron a comunicar nada disto ao profesorado do Seminario nin aos proveedores do mesmo, posto que, como é lóxico tendo en conta que se ía celebrar a mediados deste mes de xullo, todo estaba andando xa dende hai meses.

Por outra banda, tampouco explican a onde van ir os cartos que estaban aprobados no orzamento para este fin e só sabemos que, ao parecer, o encargado de xestionar ese diñeiro vai ser o Director da Escola de Música de Burela, é dicir, que vai ser un empregado do Concello o que decidirá a onde van ir os nosos impostos, xa que o goberno non se atreve a cumprir con unha das súas obrigas (xestionar os cartos que son de todos). Está claro que a este goberno, e en particular ao Sr. Alcalde e á Concelleira Mónica Pedre, fáltalles valentía. Cabe supoñer que os cartos se destinarán ao fin para o que se empregaban nos anteriores gobernos do PP, é dicir, a formar músicos para nutrir a Orquestra de Xove. E nós dicimos isto con valentía e sen tapuxos, posto que foi coñecido por todos este feito. E do mesmo xeito, pensamos que, tanto o Concello como a Dirección da Escola estan a esquecerse dunha sensibilidade importante que hai dentro da Escola. Falamos do gusto que hai nunha grande parte do alumnado polo estudo do jazz e da música moderna, xa que hai que recordar que o Seminario de Jazz tivo na última edición que se celebrou unha matrícula de 60 alumnos, dos que, como mínimo 40 estaban matriculados na Escola de Música. Nós cremos que, tendo en conta que a Escola conta con 100 matriculados, ninguén debería esquecerse desa sensibilidade que o anterior goberno si tivo en conta e si se encargou de potenciar, sabendo ademáis compaxinalo co estudo da música clásica, posto que nunca se deixaron de celebrar cursos de verán adicados a este tipo de música. Así, sempre fomos capaces de ter en conta ás distintas correntes que había dentro da Escola e que, o único que facían era que tiveramos unha Escola moito máis rica, culturalmente falando.

Hai outra cousa da que tamén se esquece a Sra Pedre, tamén concelleira de Cultura, e é do feito de que o Seminario de Jazz, era moito máis que un seminario e case podíamos consideralo un Festival, posto que había toda unha semana plagada de actividades paralelas, destacando especialmente os concertos nocturnos que enchían o pobo de xente interesada neste estilo musical. Veremos agora que oferta cultural nos propón a Sra. Pedre co mesmo diñeiro que gastábamos nós nun seminario que, ademáis de formación para 60 persoas, ofrecía concertos toda unha semana. Tampouco debemos esquecer que, grazas ao Seminario, Burela xa se convertira nun referente do jazz a nivel galego. Isto supoñemos que o conseguirá agora o novo goberno co estilo clásico….

En fin, por desgraza para todos nós, estamos a perder algo verdadeiramente importante, mais, especialmente por desgraza para os rapaces e rapazas que son os que realmente perden. De todos os xeitos, seguiremos a falar deste tema, porque nós, o grupo municipal do PSdeG-PSOE, non nos imos esquecer dunha das grandes medidas que tomamos na anterior lexislatura, e que, de seguro, voltaremos a tomar dentro de catro anos.

MELLOR, IMPOSIBLE. COARENTA E SETE MIL EUROS NON SON DEMASIADOS?

Cando se elaboran os presupostos, todo depende, e todo está en función, da partida de ingresos. Éstos poden proceder basicamente de: impostos directos, impostos indirectos, taxas e outros ingresos, transferencias correntes ( da Xunta e do Estado) e ingresos patrimoniais.

Unha vez valorado a proposta de ingresos aplícanse o capítulo de gastos que basicamente comprenden a: gastos de persoal, gastos en bens correntes e servizos, gastos financeiros, transferencias e investimentos.

Para o ano 2011 o presuposto do Concello de Burela concretouse en 6.3 millóns de euros, e fíxose aplicando a responsabilidade como método. A actual situación económica reduce drasticamente os ingresos ós concellos, sobre todo os que se aportaban por licencias de todo tipo, as máis importantes as licencias de construción.

Ós gastos hai que darlles preferencia. O máis importante é garantir os soldos do persoal e gastos en servizos. As partidas destinadas a gastos das diferentes áreas ou concellerías dependen do resultante de ter garantido o comentado anteriormente. E dentro destas dáselle máis importancia as áreas que inclúen políticas sociais.

Nos últimos catro anos obtivemos resultados satisfactorios no balance final mantendo un remanente de tesorería sempre positivo. A nosa intención foi a de non comprometer nunca o futuro do noso concello e aplicamos sempre o principio da contención económica. Neste sentido fixéronse moitas actuacións para acadar aforro enerxético destacando as instalacións de paneis fotovoltaicos (térmicos e solares) nas diferentes centros deportivos, o cambio de iluminación pública e semafórica á tecnoloxía led, e rentabilizando ó máximo os gastos correntes.

O pago a provedores e empresas de servizos fíxose coa eficacia e prontitude máxima dentro das nosas posibilidades, é dicir, cando dispoñiamos de solvencia en efectivo, que normalmente coincidía nas etapas de recadación por IBI, vados e vehículos, e, sobre todo, cando a Xunta reintegraba as subvencións pendentes de cobro para persoal ou de obras rematadas no que o Concello tiña que adiantar ben o soldo, ou ben o pago da súa execución para proceder á súa xustificación e cobrar a porcentaxe da subvención concedida, que no mes de xuño rondaba o millón de euros pendentes. Temos que dicir que o concello de Burela ten pagado todas as débedas a provedores correspondentes o ano 2010 e parte do 2011 ( cuestión pouco común na maioría de concellos) e que se poden adiantar moitos pagos de servizos ca recadación do IBI deste ano. Polo tanto, a situación económica do concello non é mala nin pinta mal. Outra cousa é dispoñer de fondos para aplicar libremente ás políticas das diferentes áreas ou concellerías, dependendo do comentado anteriormente.

Cando chegamos ó concello no ano 2007, o presuposto superaba ó deste ano en case tres millóns de euros, e a nosa sorpresa foi comprobar que a maioría das partidas estaban en negativo xa no mes de xuño, e que había gastos efectuados sen consignación no presuposto . E isto ocorría cando estaba de alcalde o mesmo señor que está actualmente: o Sr. Barcia. Naquel entón a nosa responsabilidade foi buscar unha solución e traballamos para acadala, e non convén olvidar o pufo da subvención perdida na primeira fase das obras na rúa Eijo Garay. Contrariamente ó que están a facer o actual equipo de goberno, que se instala na queixa para disimular unha clara falta de xestión.

A herdanza que lles deixamos é unha xestión responsable, e un millón de euros para realizar dezaoito proxectos moi importantes para o noso concello, que están comezando ou a piques de comezar.

Que cumpran o que prometeron, sabendo que moitas propostas eran inalcanzables, e agora se escudan nunha falsa disposición de liquidez para non acometelas. Que non veñan propoñendo unha baixada na aplicación de servizos. Que non propoñan unha contención do gastos sen antes demostrar unha eficacia no seo traballo. O de apagar luces públicas para aforrar pode estar ben, pero seria máis convincente, e demostraría mellor intención, si o Sr. Alcalde se reduce o soldo (47000 euros anuais). A todas luces, moi desproporcionado para os tempos que corren.

A PRIMEIRA INCOHERENCIA

Dende o grupo municipal socialista de Burela queremos expoñer a incoherencia do equipo de goberno sobre o izado das bandeiras azuis 2011. O pasado sábado día 2 de Xullo, o alcalde e parte do grupo de goberno do PP procedeu ao izado das bandeiras azuis na praia do Portelo e da Marosa, sen invitar a veciños nin a representantes políticos de toda a corporación, como viña sendo de costume nos últimos catro anos.

Unha das condicións de ter bandeira azuis nas praias é de garantir a calidade das augas de baño, a seguridade, a xestión ambiental e a información e educación para a sostibilidade. Todo isto non sería posible sen a responsabilidade compartida de todos os veciños de Burela. Por tanto consideramos que o izado das bandeiras debería ser un acto participativo onde tivesen representados todos os sectores sociais do noso concello. É triste que na primeira ocasión que tiveron de facer un acto no que todos os bureleses puideran amosar o seu orgullo das nosas fermosas praias, soamente se amosaron eles como protagonistas de todo, caendo en contradición co exposto no comité de xestión de praias, e na Axenda 21, nos que expoñían que era a súa intención de facer unha política de participación, véndose claramente que esa non é xa a súa intención. Tamén estamos preocupados polo que ocorre co selo ISO 14001 que garante a calidade e respeto medioambientais dos nosos areais a nivel europeo e que é unha forte motivación turística para o noso concello. Non entendemos como non están izadas as bandeiras que simbolizan dito distintivo como cumprimento do esixente programa que obriga a manter uns niveis de calidade de auga e servizos excepcionais. Este selo, aínda que foi financiado pola Deputación de Lugo no ano 2010, esixeu un traballo arduo por parte do anterior equipo de goberno, e no 2011 estábanse poñendo as bases para seguir mantendo este distintivo tan importante para Burela.

¡¡Mal empezamos!! e ¿¿Mal seguiremos??.

DE VOLTA

Estamos aquí de novo. Despois dun tempo prudencial no que o silencio valeu máis que mil palabras, e no que o noso grupo municipal fora desaloxado do poder municipal por moitas e variadas circunstancias nas que pouco tivo que ver a gran labor desenrrolada durante o período 2007-2011 en prol do progreso e modernización de Burela, estimamos convinte volver a encher esta páxina non só de críticas ao goberno do PP, que nolo poñen na man, senón de aportacións que nos fai chegar a xente progresista que nota xa, e só levamos un mes de desgoberno popular, a deriva sen fin que está tomando a política desenvolvida por Barcia e compañía. Un saúdo socialista.

jueves, 19 de mayo de 2011

MITIN CENTRAL 2011


O anterior presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, estivo onte no mitin central do PSOE de Burela para arropar ao seu candidato as eleccions do domingo e actual alcalde, Alfredo Llano, nunha das escasas aparicions públicas do socialista dende que abandonou a política. Durante a sua intervención no auditorio da casa da cultura e ante catrocentos asistentes, puxo a Burela «como exemplo do que é a política municipal socialista, xa que favorece a convivencia, a integración social, a equidade e a igualdade para todos os veciños». «É un exemplo do que debera aprender o Partido Popular, que por España adiante vai espallando o medo ó inmigrante e favorecendo a discriminación contra esta pobación», indicou.

Asimismo, felicitou ao alcalde polo crecemento económico e poboacional que sufreu o municipio nos últimos anos, gracias dixo «a un urbanismo sensato e baseándose nos seus recursos propios para crear unha dinámica de crecemento económico».

En contraposición situou as políticas do PP na Xunta, que segun dixo, tamén ten o perfecto exemplo en Burela onde paralizaron numerosos proxectos como o vial de acceso ao puerto ou a ampliación do hospital e do peirao. «Esa é a súa política de austeridade, romper as súas promesas electorais paralizando os proxectos públicos e recortando os dereitos sociais», asegurou.

Llano

Pola sua parte, o alcaldable Alfredo Llano fixo un repaso polos avances conseguidos durante o seu mandato e amosou algunhas das propostas do seu programa electoral que pretende abordar durante os próximos catro anos. Destacou os 22 millons que se invertiron en Burela, entre todas as Administraciones, nos últimos catro anos. Falou da consolidación do concello a través do aumento de poboación e da promoción dos productos do mar, clave no desenrrolo turístico, que se está levando a cabo. Ademáis, recordou o crecemento do porto, onde agora poden atracar barcos de 8.000 toneladas ou o novo abastecemento de auga.

Para o futuro, Llano explicou que se vai a aprobar o plan xeral nun ano e medio máximo. Ademais, comentou que para él é fundamental que se realice o acceso ao porto e a creación dunha área comercial industrial que favorecería o comercio e a economía. Neste aspecto, Llano dixo que Burela debe ser un referente no crecemento económico comarcal e provincial.

Tamén tivo palabras para a oposición da que dixo «sólo criticou sen aportar nada».

INAUGURACION DE EXPOMAR

O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, inauguraron este mediodía a XIV Feira Monográfica Náutico Pesqueira Expomar 2011. Cen expositores e 400 firmas asistentes ocupan os 3.000 metros cadrados da nave de redes.

Llano sinalou que “Expomar é un acontecimento moi importante para Burela. Nós sempre apostamos polo sector náutico-pesqueiro, hai que darse conta que aquí na nosa vila e no resto da Mariña esta actividade é fundamental para o desenvolvemento económico e social”. E subliñou que “a pesares da crise logramos ocupar os 3.000 metros cadrados da nave de redes, contamos 100 expositores que representan a unhas 400 marcas e iso significa que os que veñen a esta cita están apoiando ao sector, investigando e aportando cuestións que sempre poden ser de interese para os propietarios dos barcos no ámbito da electrónica ou das artes de pesca”. O alcalde e presidente de Expomar agradecéulles a todos a súa presencia en Burela.

Alfredo Llano engadiu que “por diante están catro días para facer unha visita a Burela, a xente que se sinta atraída por este tipo de asuntos virá a Expomar ao igual que aqueles profesionais que queiran coñecer as novidades do sector. Aquí está Burela para recibir cos brazos abertos a toda a xente que queira acudir a esta cita ou aos que veñan dar unha volta polo noso pobo para coñecelo”. O rexedor recalcou que “Expomar é unha das feiras máis importantes que se poden ver en todo o litoral cantábrico”.

Pola tarde dentro das XIV Xornadas Técnicas abordaránse aspectos coma a comercialización no sector pesqueiro. E mañá terá lugar o encontro empresarial de organizacións profesionais de armadores no que participarán unha veintena de asociacións procedentes de moitos puntos de Galicia, de Asturias e de Andalucía, entre outros. Expomar 2011 será clausurada o vindeiro domingo ás 12 da mañá polo presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro.

SEMANA DA RECICLAXE

Os alumnos de infantil e de 1º de primaria dos dous centros de ensino, Ceip Virxe do Carmen e Ceip Vista Alegre, participan nas actividades organizadas pola Delegacion de Medio Ambiente do Concello que dirixe Lucia Bouza para conmemorar a Semana da Reciclaxe. A edil socialista subliña que “éste e o segundo ano que a actividade se leva a cabo e quero aproveitar para destacar o grande interese suscitado e tamén o agradecemento ao personal docente”.

As monitoras do Centro de Educación Medioambiental Gaia son as encargadas de realizar os talleres con materiais de refugallo (cartóns, botellas, etc… que os nenos traen das súas casas) intentando descubrir as utilidades dos materiais de refugallo antes de seren considerados como residuos. Os nenos participan na actividade en horario escolar desde as 9:00 da mañá ata as 14:00 horas.

A Semana da Reciclaxe tamén inclúe unha charla sobre Residuos Sólidos Urbanos. Será impartida no Salón de Actos do Concello de Burela hoxe día 19 ás 19:30 e está destinada ao público en xeral. A onde van os residuos e qué se fai con eles, qué é a recollida selectiva son algunhas das preguntas que se abordarán nesta charla impartida polas monitoras do Centro Gaia.